Esbardalladas.blogspot.com non se responsabiliza das opinións verquidas polos autores das entradas nin dos comentarios que poidan xurdir das mesmas


10/1/12

Balance

A verdade é que non sei dende cando teño o costume de facer balances. Xa non me acordo, e tanto da. O caso é que a miña cachola non acouga ata que, dun xeito ou doutro, fago balance. O devandito balance pode ser dun período concreto da miña vida (non moi extenso, tamén debido isto á miña teima de facer balance. Dende o último non soe pasar moito tempo) ou tamén dunha conversación especial, dun momento concreto que deixa pegada na miña memoria ou de calquera situación ou circunstancia. Algo, non sei que, produce dun xeito irresistible que comece a cismar e a darlle voltas ata que fago balance.

E estes días ando co balance das festas e do fin do 2011. Un ano que no persoal se pode dicir que rematou mellor do que empezou (que non é malo, senón todo o contrario) pero que me deixou un regosto amargo ao sair da esfera máis cercana, da miña familia. Un ano que terá como hitos, entre outros, as revoltas nos países árabes do norte de África, a desgraza do maremoto que destrozou a central nuclear de Fukushima, o principio do fin de ETA e as implicacións políticas que iso supón, as eleccións xerais que trouxeron un cambio de goberno por demérito do actual, que non por mérito do electo (ao meu parecer).
E tamén a incongruenza de rematar o ano e comezar o novo, como si as 24 horas anteriores á fin do ano fosen distintas ás 24 h de comezo do ano.

Bueno, para ser realista, o feito de querer que sexan distintas, fan que sexan distintas. Normalmente, as 24 horas posteriores ao comezo de ano se pasan entre nebulosas máis ou menos espesas, dependendo dos graos das bebidas "espirituosas" que se consuman. E cando te decatas, xa é día 2 de xaneiro (me cagí na...) así que xa perdiches 1 día do novo ano e semella que o día 2 xa vai todo descabalgado pola perda. En fin...

que carallo terá todo o anterior que ver co balance?

Xa se me ocorrerá algo...

No hay comentarios:

Publicar un comentario