Esbardalladas.blogspot.com non se responsabiliza das opinións verquidas polos autores das entradas nin dos comentarios que poidan xurdir das mesmas


31/10/12

PontevedRAID 2012 (27/10/2012)

Esta crónica do último raid da tempada 2012 é un bastante distinta das demáis, entre outras cousas, porque non participei como raider, senón como parte da organización (unha moi pequena aportación pola miña parte, pero ahí estivemos...).

Dado que o clube no que estou federado, Montañeiros de Pontevedra (A ROELO) era o encargado de organizar o raid que pecha a tempada, se tentou ir botar unha man e axudar no que fixera falta, e o que nos tocou a Iván e a min a primeira hora foi facer de ASEGURADORES no rapel.


Como podedes comprobar, o rapel que tiñan que facer os equipos (3 compoñentes en élite e 1 dos compoñentes de aventura) era de 35-40 m descolgados nunha ponte. Abaixo estabamos nós, coa corda preparada para que, en caso de que o rapel se descontrolase, tensar a corda e frear a caida do raider.


Así explicado da a sensación de que os tres que estabamos abaixo debiamos controlar un montón de isto, pero afortunadamente todos os equipos que pasaron polo rapel o fixeron xenial e non precisaron que se puxera  a proba o dispositivo de emerxencia... De tódolos xeitos, os 4 escaladores que estaban arriba na ponte asegurando aos raiders e ás súa bicis, eses si que controlaban. Nós digamos que fixemos un curso acelerado de rapel "in situ".










Despois da sección de rapel (estivemos alí desde as 09:00 h ata as 13:00 h) axudamos a montar o podium que sobre as 20:00 h tiña que estar listo, xunto coas mesas do cátering (cousa importante falando dun raid. A xente remata o raid con moita fame, pódoo asegurar...)

Sobre as 16:00 h saimos con outro compañeiro ata Pontesampaio, en Arcade, xa que alí se estaba a facer a sección de kaiak que enlazaba as 2 sección de BTT que levaron aos raiders desde Pontevedra a Arcade ida e volta (xa me canso só de contalo... se o chego a facer, non sei como estaría). Cando chegamos ainda quedaban equipos por voltar no kaiak e puidemos comprobar cómo estaba o mar en canto saías do río Verdugo... Unha das balizas estaba colocada nas illas Salvedosas, e a xente volvía empapada.

Creo que a transición kaiak á seguinte sección, en calquera raid é a peor. Chegas ao kaiak a maioría das veces da BTT (ou a veces do trekking) e cando saes do kaiak toca de novo montar na bici. Tes frío, estás destemplado, as pernas non che responden, etc... A min me parece moi duro (só me tocou unha vez esta tempada facer esa transición, pero me acordei de todo o santuario cristiá, xudeo e árabe -si o hai...).

Depois de axudar a recoller na sección de kaiak (xa sairan tódolos equipos para a última transición, en Pontevedra), aproveitamos para tomarnos un descansillo Barki, Iván e máis eu, cunha caña na man e chegar con forzas para a última sección, unha ORI individual polos arredores da Illa das Esculturas, moi preto do campus universitario da Xunqueira.

A verdade é que tiven unha visión moi parcial do raid, xa que non estiven presente en tódalas seccións, pero polo que sei, foi un raid duro, con moitas posibilidades para tódolos equipos, tanto en élite como en aventura, de facer un bo raid tendo en conta a estratéxia. Polo que sei, resultaba imposible conseguir picar tódalas balizas, así que neste caso, a estratéxia xogou un papel crucial no desenvolvemento do raid.

Ao final do dia, sensacións agridoces, xa que por un lado me sentín útil axudando á organización do raid (que eses si que levaron choio...) pero por outra banda, ver pasar aos raiders dun lado a outro me produciu unha envexa que me facía pensar en sair coa bici ao chegar a casa..

Para o ano, outra vez liga galega de Raids, e alí estaremos, polo menos Iván máis eu. Seguimos á procura do/a 3º compoñente do equipo "Os Suídos-AROMÓN", pero todo se andará....

Noraboa aos/ás participantes no Raid. Seguro que houbo fallos na organización, pero me consta que a vontade de facelo o mellor posible estivo presente non só no día do raid, senón tamén nos meses previos de preparación de rutas, mapas, permisos, etc....

29/10/12

MICOKEY, recoñecemento de cogomelos para android

Para os que lles gusta ir polo monte na época de recollida de cogomelos, para os curiosos que se atopan con un deles no xardin ou para os que lles gustan as aplicacións para o móbil (que tamén os hai...), aquí vos deixo o enlace dunha aplicación que o laboratorio de micoloxía da Universidade de Vigo desenvolveu.

A aplicación componse dunha Clave dicotómica para identificar cogomelos no campo. Comprende as 255 especies máis comúns de Galicia, incluindo fichas con imaxe e datos de alomenos cen destas especies. Próximas actualizacións incluirán máis fichas detalladas de especie.

O enlace é:
https://play.google.com/store/apps/details?id=es.mykes.micokey&feature=search_result&rdid=es.mykes.micokey&rdot=1

E aplicación se chama MICOKEY.

Desfrutádea!!

18/10/12

TAL COMO É....

Chamádeme nostálxico, pero teño a sensación de que non estamos mellorando....








16/10/12

Can´t Stand Losing You, de The Police

A canción xa ten tempo (vaille pasando coma mín) pero nunca falla. Consegue que, ao pouco de escoitala, o sorriso se vaia facendo sitio...

Desfrutádea!!



7/10/12

La princesa prometida

Estes días o film "La princesa prometida", baseada no relato de William Goldman do mesmo título, cumple 25 anos.

Gardo uns recordos tan bos tanto do libro como da película (unha adaptación que se aparta en algúns puntos da obra escrita, pero que conserva a esencia do libro) que ademáis de ser unha sorpresa que se cumplan xa 25 anos desde que se estrenou, me fai lembrar que a película tiña un son especial debido a que a música esta composta polo maravilloso Mark Knopfler, líder dos Dire Straits e compositor de Bandas Sonoras (a miña debilidade musical) escasas pero dunha calidade excelsa.

FELICIDADES, E QUE CUMPLA MOITOS MÁIS!!!!

5/10/12

The Avengers, a película

Asistimos nos últimos anos a unha verdadeira avalancha de películas baseadas nas personaxes mundialmente famosas dos cómics, sobre todo de Marvel, pero tamén algúns moi coñecidos de DC (que en materia de superherores, co permiso de Image, son as que reparten o pastel).

Personaxes como Daredevil, Hulk, Spiderman, Capitán América, Thor, Iron Man e mesmo outros menos coñecidos ata que as películas os fixeron visibles para o grande público, como Blade ou o Motorista fantasma forman parte do Universo Marvel. Tamén DC ten os seus representantes nas grandes películas de superheroes. Desde Superman a Batman, os dous barcos insignia da compañía, ata o último Green Lantern, que foi un fiasco total, V de Vendetta ou Watchmen fan que este xénero cinematográfico teña unha especial relevancia desde hai tempo.

O que ata o momento botaba eu de menos (confeso que me gustan as pelis de superherores. Sen máis explicación. Me gustan) era que durante esas grandes pelexas que no cómic quedan tan ben nas viñetas, cando as pasas ao cine, se convertía todo nunhas secuencias rapidísimas con cambios de planos preto e lonxe, supoño que para tentar reproducir esa "acción" que, paradoxalmente, nunha viñeta "estática" da tanta sensación de movemento e de "acción". Non sei se me explico ben; botei moitas veces de menos esa capacidade das viñetas de expresar movementos.

Ata agora, claro. Nos Vengadores nótase que a capacidade tecnolóxica da filmación con imaxes xeneradas por ordenador está a uns niveis que permiten "destrozar" unha cidade coma New York e que pareza real. O que realmente molan das películas de superherores non son os músculos e a testosterona que están eternamente presentes, e tampouco esas mensaxes ultraconservadoras sobre a patria, a bandeira e as defensas fronte ao inimigo. O que molan, ao meu parecer, son as ostias. As pelexas entre heroes melloraron tanto nesta película que, dalgunha forma, deslucen o traballo feito ata o de agora. Nunca unha loita entre Iron Man e Thor me pareceu tan boa, non por non telas imaxinado e/ou lido, pero o que resulta "verosimil" (notade que digo que esta película me parece verosimil, cando a propia película está chea de personaxes de ficción, loitas intergalácticas, deuses, conspiracións segredas....^^) da mesma pelexa son os efectos (catastróficos) para o entorno.


Creo que esta película si que paga a pena vela, polo menos para pasar un bo rato con loitas. O guión é sólido, con momentos certamente brillantes nos diálogos. Haberá que estar pendentes da seguinte parte.....


2/10/12

I RAID Destino Verde, Arzúa, 29/09/2012

O pasado sábado 29 de setembro de 2012 tivo lugar en Arzúa (unha vila que ainda non coñecía) o I Raid "Destino Verde", penúltima proba da Liga galega 2012 de Raids de Aventura.

A proba comezou ás 10:00 h coa saída en masa dos corredores para facer un trekking de 17 km. Esta vez, Iván non puido asistir ao raid, xa que un dos seus mellores amigos tivo un accidente grave, un golpe moi forte na cabeza, que o ten desde hai 15 días na UCI. Desde aquí quero enviar tamén moitos ánimos para Dani e Carla. Agora vai mellor, e seguro que en breve o temos de novo facendo carreiras. Ánimo!!!

Polo anteriormente dito, e debido a que 2 membros do equipo Os Foghetes tampouco puideron ir, neste raid participei como membro de Os Foghetes-Aromón. Carlos Castro e María Castro (irmáns) completaron o equipo esta vez. E creo que non o fixemos mal de todo...

O primeiro trekking xa nos deixou as pernas quentes, pero en algo máis de 2 h xa o tiñamos completado, e con tódalas balizas picadas. A cousa pintaba ben, así que fixemos a transición para comezar os 25 km en BTT, que nos levarían á sección de kaiak, no embalse de Portodemouros.

Sempre me pasa que o cambio de trekking á bici, ou ao revés, me deixa as pernas acalambradas. Tiven un momento malo na sección de BTT, pero chegamos moi ben de tempo (e con todas as balizas) ao embalse. Alí eu descansei, e Carlos e María fixemos a sección de kaiak, nunhas condicións meteoroloxicas bastante duras (ía moito vento e moitos equipos remataron a sección totalmente esgotados). Os 7 km de kaiak foron longos, pero chegaron á transición collendo todas as balizas.

Aquí teño que explicar que ainda que Carlos xa é un experimentado raider (moito máis ca mín, xa que él leva como 4 tempadas formando equipo con Roberto Verde e SAba, os outros compoñentes dos Foghetes) María, a súa irmá, nunca participara nun raid ata este momento. E xa me gustaría a mín ter un estreno como o que tivo ela. En condicións bastante durillas, creo que respondeu de maravilla.

Mentres Carlos e María remaban para picar as balizas no embalse, eu fixen a proba especial que nos tiñan reservada os Bombeiros de A Coruña (que foron os organizadores da proba). Nos vestiron co traxe de intervención (chaqueta, pantalóns, equipo de respiración autónoma, casco e mascarilla) e nos fixeron unha proba específica de bombeiros. Tiñamos un circuito de 25 m de longo, dividido en dúas partes. Na primeira tiñas que desprazarte a rastras a través dun "tunel" de reixas e cando saías, tiñas que cargar con 2 bidóns de 25 litros cada un, ida e volta ata chegar a unhas escaleiras, nas que, despois de deixar os bidóns, collías unha mangueira de bombeiro (mi madriña como pesan) e subías 2 pisos de escaleiras. Ao chegar arriba, soltabas a mangueira e collías unha corda para subir unha cesta con material, tirando dunha corda. Unha vez baixado de novo o material, collías a mangueira de novo, e volta para abaixo, onde che esperaba un membro da organización que, despois de soltar a mangueira, cubríache o casco e a vista cun pano negro. O obxectivo era atopan un corpo humano (tiñan un manequí dun neno) nunha habitación, con obstáculos. Unha vez que o atopabas, remataba a proba.

A verdade é que a proba foi moi divertida, e se a facías en menos de 5 min, levabas unha bonificación en tempo. Gañaba a proba o que fixera menos tempo e tamen o que consumira menos aire. Teño gañas de ver a clasificación desta proba especial, xa que creo que non me foi moi mal...

Cando collimos as bicis para a sección 4ª, nos quedaban por diante 28 km para chegar de novo a Arzúa, con bastante marxe de tempo (sobre unhas 3 horas). Pero nos fixeron falta, sobre todo na última parte, á que chegamos coas pernas bastante cargadas. Pero tamén picamos todas as balizas. Eu estaba moi contento, xa que ata o momento, levabamos o raid moi ben, e só faltaba a sección de carreira ORI urbana por Arzúa.

 Na última sección, María e máis eu saimos para facer a carreira de 7 km polo medio de Arzúa, con algo menos de 1 hora de marxe, polo que tentamos picar  tódalas balizas, e cando estaban avisando por megafonía que eran as 20:00 h, entramos en meta e rematamos o raid COMPLETO!!!! Non o podía crer, o 1º raid con todo picado.....! María casi morre no último sprint, pero iamos moi xustiños para chegar en tempo e había que expremer todo o posible. E chegamos....

 Ao final, coma sempre, parabéns para todo o equipo, unha sensación de traballo feito por un lado, e outra de pena, xa que esta é a última proba á que imos esta tempada. A liga galega de raids remata o 27 de outubro de 2012 co RAid de Pontevedra, pero nesa ocasión non correremos, xa que formamos parte da organización... Que tamén me apetece saber cómo carallo se fai para organizar un raid, que ten moito choio...

Noraboa os Bombeiros de A Coruña pola organización, polos recorridos, polas paisaxes e tamén polo queixo de Arzúa co que nos agasallaron por participar. Un detallazo!!