Esbardalladas.blogspot.com non se responsabiliza das opinións verquidas polos autores das entradas nin dos comentarios que poidan xurdir das mesmas


31/5/12

MAL ANDAN AS COUSAS

Poño esta canción para lembrar a eses mineiros encerrados a 3000 m baixo terra (3.000 metros!!!) dende hai 9 días e que teñen intención, segundo eles, de "sair cos pes por diante se non se soluciona isto".

O problema das axudas á minería vai máis aló das mesmas axudas. Supón a debacle para comarcas enteiras do Bierzo, de Asturias e Aragón. 8 mineiros, en sinal de protesta, levan 9 días pechados nunha mina, a 3 km de profundidade e dispostos a todo.

Moi mal andan as cousas para que non se fale disto....

29/5/12

II RAID DESAFÍO FERROL (26/05/2012)

Despois de participar no Raid de As Somozas, de 2 días de duración, cando este pasado venres preparaba o material para ir ao Raid de Ferrol (4ª proba da liga galega de raids) tiña na cabeza (vaia cousa) que a proba do día seguinte sería "un paseo". A verdade é que lle tiña moito respecto á sección de trekking de 20 km, pero quitando iso, coidaba que non nos ía costar moito....

Esta vez o equipo "Os Suídos" non participou. Iván e eu fumos integrados (co noso visto e prace) no Equipo "Montañeiros A Roelo", en categoría aventura. En esencia, de 3 compoñentes, 2 eramos suídos, pero o nome do equipo tiña que ser o do 1º equipo do clube (conformaron un equipo de élite e necesitaban 2 persoas para o equipo de aventura. E nós encantados). Nos acompañou no raid Alfonso, un rapaz con moita experiencia en raids e moi bo orientador. Non o conociamos de antes (pese a levar 3 probas este ano) e nos fumos escribindo días antes do raid para o reparto das seccións, que quedou do seguinte xeito:

Sección 1: 4 km a pé. Aquí saimos Iván e eu.
Sección 2: 20 km en BTT: Sairon Iván e Alfonso.
Sección 3: 20 km a pé: Saín eu con Alfonso.
Sección 4: 24 km en BTT: Saín eu con Iván.
Sección 5: 4km en BTT+ 4 km en kaiak: Sairon Ivan e Alfonso.

Antes de relatar cómo foron as sensacións durante o día, dicir que a organización do raid foi boísima (como todas as outras probas que levamos ata o de agora)

O comezo da proba foi ás 10:00 h e saímos en masa para tentar coller todas as balizas posibles. Orientou Iván e foi caralludamente. Picamos todas e fixemos moi bo tempo (18-19 minutos). Sinalar que nesta sección nos puxeron unha baliza sumerxida nunhas piscinas ao aire libre (molleime eu, xa que descansaba na seguinte sección) e tamén puxeron unha baliza a 3,5 m de altura, nun rocódromo. Comezaba ben o raid...

Sairon á sección de Bici Alfonso e Iván e picaron tódalas balizas con moi bo tempo. Eu esta sección non a fixen, pero polo que parece non foi doado dar coas balizas, xa que no mapa só aparecían as impares. Para atopar as balizas pares, tiñas que seguir unhas indicacións anotadas, e fiarte. Pero non fallaron nada. Uns craks!!

Na transición para saír con Alfonso no trekking de 20 km (a sección á que eu lle tiña máis medo) a min me pareceu que Alfonso se tomaba tempo de carallo para cambiarse, comer algo, preparar o mapa, etc... Eu estaba que trababa, desexando sair xa... pero a verdade é que os tempos de cada un hai que respectalos. Ao fin, despois de sair hacia o trekking, ainda tiven que volver a polo frontal (nos avisaban de que ao mellor nos facía falla, xa que había varias balizas agochadas en búnkers en desuso, pola zona de cabo prior). Foi unha sección dura por varias cousas; primeiro, Alfonso viña de facer 20 km en bici, polo que o cambio a trekking é mellor facelo a modiño ao principio. Segundo, o desnivel máis grande o tiñamos que salvar nas primeiras balizas (polo recorrido escollido), co cal tampouco iámos moi rápido. E terceiro, ata que fas algunha sección xuntos, non sabes cómo funciona o outro. Con Iván xa sei como anda (mellor ca mín, iso é sinxelo) en bici e trekking, e nos conocemos de hai moito, polo que moitas veces a confianza axuda moitisimo en caso de tensión por calquera situación; unha baliza perdida, mala orientación, etc. Ese traballo que leva tempo (o de coñecer ao compañeiro) o tivemos que facer de golpe Alfonso e eu (o digo así, porque igual que para mín, para él eu tamén era novo...) Pero creo que non nos foi moi mal. Eu, de feito, estou moi contento de cómo nos foi a sección. Picamos tódalas balizas y estabamos de volta en menos de 3 horas.

Aqui teño que dicir que pese a que todo o raid discurreu polos arredores de Ferrol e son moi chulos, a parte do trekking a puxeron polo espazo natural da costa ártabra, preto de cabo prior, e é unha pasada de chulo. Se podo, porei imaxes da zona. Paga a pena ir a ver esa zona.

Cando volvimos do trekking, a verdade é que estabamos animados. Levabamos máis da metade do raid e íamos moi ben de tempo; ademáis, ata ese momento non deixaramos ningunha baliza atrás. E saímos Iván e eu á sección de 24 km en bici.

Dicir que o percorrido non era libre, xa que a organización (para facernos pensar aos equipos) decidiu poñer unha ruta obrigatoria na primeira parte da bici. Podías saltala para chegar á segunta parte, pero ías perder balizas, xa que éstas non estaban marcadas no mapa. Só se ías polo camiño marcado as atopabas... Foi un pouco estresante e tardamos bastante máis do previsto, pero chegamos á segunda parte da bici con todas as balizas picadas. E a partir de aquí, empezamos a ter que elixir entre picar algunha baliza da orientación específica en bici (sobre un mapa de escala 1:10.000) ou pasar á sección de kaiak+btt. Como tiñamos que deixar unha hora (aprox.) para a última sección, só puidamos picar 5 balizas de 10 posibles nesta parte de bici. Aind agora non sei se fixemos ben en saír hacia o kaiak, pero alí, en quente, nos parecía que levabamos algo de marxe para tentalo.

E chegamos á última sección do raid. Saíron Alfonso e Iván (esta transcición durou pouco) disparados e eu me fun co coche e a bici hacia meta, para esperalos antes do peche de control (19:30 h).
Despois de 9 horas e media, a cabeciña xa che anda sóa, e como me dixo Verde (un compañeiro do equipo Os Foghetes) eu estaba desencaixado, pensando que non chegaban ao peche de control. Pero chegaron, e ás 19:26 h rematamos!

Moi chulo o raid, polo distinto (eso que só levo 4 ata o de agora) das seccións de orientación en bici e polas probas especiais (balizas sumerxidas e rocódromo...).
Poño a continuación TODAS as balizas que deberiamos ter picado. Foron 58 en total. Nós picamos 52... case, case... Ao mellor algún ano destes logramos picalas todas... haberá que tentalo máis!!!





27/5/12

The Hunger Games, o film

A verdade é que prometía bastante pola estética, polas imaxes que aparecían no trailer e pola historia en si mesma, pero dúas cousas me desaconsellaban botarlle unha ollada á película "Los Juegos del Hambre". Unha delas, o post que Zeke deixou en Banda Deseñada e outra a falta de tempo libre. Pero teño ben claro que para poder falar de algo, polo menos terás que telo visto, lido ou escoitado, tocado... en fin. Que non se pode falar de algo por referencias, críticas e/ou reseñas de colegas/amigos, etc.

Tamén recoñezo que isto último é unha teima miña. Sei de xente, incluso especialistas no seu campo de coñecemento, que son quen de facer unha crítica ou comentario sobre, poñamos, un libro, sen lelo. En fin, que cada pau aguante a súa vela. No meu caso particular, e non me dedico a iso precisamente, prefiro ter opinión sobre as cousas de primeira man, se se pode. E aquí vai a miña sobre a película:

A verdade é que podedes prescindir perfectamente de vela (e menos no cine) sen que as vosas vidas se resintan en demasía. É previsible, falta de ritmo e ainda que a historia ten momentos grandes (supoño que como os libros, que nalgún momento leerei...), a súa imaxe na pantalla ten bastante dunha mistura entre un "grande irmán" gore e un "perdidos" descafeinado. O digo así pola estética coa que se leva a cabo a presentación dos "tributos" de cada un dos 12 distritos que deben, ano tras ano despois da revolta, enviar ao capitolio (a capital do reino) para participar nuns "xogos"? chamados "del hambre" nos que ao final se designa como vencedor/a a un único "tributo".

Polo que puiden saber, a autora, Suzanne Collins é unha vella coñecida da literatura infantil e xuvenil (LIJ) pero creo que ás veces a xente confunde o de "Xuvenil" con presentar historias moi romanticas e de grandes paixóns (nen sequera é o caso que nos ocupa) pero cun desenvolvemento precario das personaxes, das súas luces e tamén das súas sombras (que son moitas veces máis interesantes que as luces). Creo que moitas veces se prima máis á historia en si mesma (que pasen cousas, boas ou malas, pero que pasen) que cómo esa historia, ainda pasando menos cousas, cambia aos protagonistas no seu interior. Pero para iso debemos saber cómo son esas personaxes antes, durante e despois da historia.

En fin, para non perderme, creo que o deixo aquí... Xa sabedes, por mín que non sexa esta peli a que vos faga perder o tempo...

18/5/12

Dream Hunters (The Sandman)

De novo presento aquí unha obra englobada dentro de The Sandman de Neil Gaiman, pero que para mín ten entidade propia e algo máis; unha revisión total dunha lenda xaponesa na que aparecen, dun xeito que ata ao propio Gaiman lle causa respecto, moitos elementos que él (Gaiman) inventou para Sandman.

A historia apóiase moitísimo no debuxo do artista xaponés Yoshitaka Amano, que non ilustra un cómic en termos literais. Máis ben, Gaiman fai un relato que se ve complementado (dun xeito incrible ao meu parecer) polas ilustracións de Amano.

Nesta historia tanxencial á historia dos Eternos e de Sandman en si mesmo, Gaiman revisa unha lenda xaponesa que fala do amor entre unha raposa e un monxe budista. Hai moitos elementos da mitoloxía xaponesa (fantasmas, demos, diaños) e outros que están relacionados cos dominios do sono. E ahí é onde Gaiman descobre varias "casualidades" entre a súa obra e a lenda referida.

Un traballo que non deixa indiferente a quen o lee. Animádevos!!


16/5/12

III RAID AS SOMOZAS EXTREME

Despois da finde que acabamos de pasar, é momento de plasmar as sensacións que tiven durante as horas de competición, que foron moitas (as sensacións e tamén as horas de raid...)
O 12 e 13 de maio se celebrou na localidade coruñesa de As Somozas (entre As Pontes e Pontedeume) o III Raid As Somozas Extrema, puntuable para as ligas galega e española de Raids de aventura.

Para este raid tivemos a axuda de José Mª, un raider con experiencia que se apuntou á aventura (un raid de 2 días) e que foi un puntal para poder rematar a proba.

O sábado, con ceo cuberto e boa temperatura (ía algo de vento) saíron á primeira sección (scoring de 4 km) Iván e José, que remataron nun tempazo, picando todas as balizas.

A continuación, Iván e eu fixemos a seguinte sección, Btt-Trekking-Btt (17 km BTT+12 km Trekking), dura no treito de trekking (bastante desnivel, balizas en tramos de auga) e coa volta un pelín complicada debido á prohibición de circular pola estrada principal. Pero creo que esta sección non a fixemos nada mal.

A seguinte sección, 26 km de BTT, a fixemos José e eu, que ía notando dúas cousas: o ben que ía en bici José e o mal que ía eu. Ademáis, a metade de tramo, perdín a brúxula nun descenso en bici. Cando me decatei, xa non había forma de recuperala. Pero chegamos bastante ben de tempo á sección de kaiak-btt, que é o que conta.

Sinalar que, ata este momento, levavamos tódalas balizas picadas (o cal para ser a 3ª proba na que participamos, considero que está xenial).

A proba de kaiak a afrontaron José e Iván (que xa nos esperaba xunto con Rolo na praia de Cedeira). Debido ao vento, a proba de kaiak se estaba complicando para moitos equipos. Houbo varias caídas ao mar e posterior subida (remollados, claro) ao kaiak, pero tamén tivo que intervir a lancha de protección civil nalgún caso, xa que coa oleaxe algún equipo non foi quen de subir de novo ao kaiak. A xente que volvía da sección saía dicindo que remar nesas condicións era ben complicado...
Pero en 40 minutos, Iván e José estaban de volta e coas dúas balizas da proba picadas!! Incrible.  A verdade é que nos ía saíndo todo moi ben.
Para poder cambiar de sección, os mesmos que remaran, tiñan que coller a bici  e ir á seguinte transición, a 9 km, na praia do Baleo, na que houbo de novo cambio de sección.

E aquí comezou unha parte moi dura do raid, pero para mín a mellor. Polo incrible do sitio (praia do Baleo e Punta Chirlateira) e por ser trekking. Creo que, despois de varios raids, o que se me da mellor (se se pode considerar que algo se me dea ben...) é o trekking. Pouco a pouco fumos atopando tódalas balizas, e sobre todo, desfrutamos do sitio... Boa proba diso é que cando rematou o raid, mentres agardabamos á entrega de premios, a xente falaba moito da sección de trekking.

Despois de 2 h e 15 minutos, cambiamos de sección e fixen a seguinte con Jose, BTT ata a seguinte transición. Nesta sección se nos fixo de noite, pero chegamos á transición con tódalas balizas picadas (eu estaba canso pero feliz. Levabamos pleno! -menos 2 puntos no rappel).

Comezamos a penúltima sección do día, un trekking nocturno+Btt ata As Somozas, pero tiñamos como hora de corte as 03:00 h. Para poder deixar marxe dabondo, no trekking decidimos non ir a por tódalas balizas, e tentamos picar 3 de 9, pero só conseguimos 2 nesta sección. E para colmo, na bici de camiño de volta, non atopamos a última baliza, que estaba ben cerca (o comprobamos ao día seguinte).

En total, caseque 15 horas o primeiro día, pero chegamos dentro do control!!

Despois de durmir 4 h. co estómago repleto dun bocata de xamón con queixo en pan de bola (boísimo!!) nos preparamos para afrontar a parte final do raid. 2 trekkings de 12 km +3 km en bucle, con cambio de compoñente ao rematar o primeiro.

Neste primeiro trekking, Iván e Jose picaron tódalas balizas nun tempazo, pero cando pillei o mapa, non conseguin centrarme e perdimos moito tempo e tampouco puidemos picar todas as balizas. Nos faltaron 3 para conseguilo. Entono o mea culpa, xa que Iván o fixo caralludamente.

Ao final de todo o raid, de 91 puntos (no noso caso, 89, xa que os 2 puntos das cordas non os iamos conseguir de todas a todas) posibles, picamos 78, resultado para mín moito mellor do que esperaba.

Desde logo, para ser o primeiro raid de 2 días (e o 3º en total que fago) non podo queixarme. Bueno, me queixei, pero do canso que estaba...


A ver cómo nos vai por terras ferrolás...


11/5/12

SÍMBOLOS NAS CARREIRAS DE ORIENTACIÓN

Tendo en conta que nas carreiras de orientación hai que interpretar os símbolos que indican a situación das balizas, navegando pola rede atopei este recurso que creo pode axudar tanto aos que empezamos nesto das carreiras de orientación como as/os veteranos.

http://www.fortnet.org/icd/sp/

Son unha serie de cuestionarios que nos van ensinando os símbolos dun xeito ameno.

Desfrutádeo!!


http://nabesar.blogspot.com.es/2012/02/simbolos-para-mapas-de-orientacion.html

Neste enlace hai unha moi boa (ao meu parecer) guía de símbolos para mapas de orientación.

8/5/12

Terra e Estrelas

http://www.tierrayestrellas.com/cat/index.php

Hai uns días atopei este enlace que nos leva a unha páxina onde podemos observar fenómenos que iluminan o noso ceo; auroras boreais, estrelas fugaces, cometas, eclipses, etc.

Se xa é bonito o ceo en si mesmo, cando pasa algunha cousa destas, é incrible!

4/5/12

DEBATE ENVIDIABLE

Antesdonte, mentres o Madrid gañaba a Liga de Fútbol Español (noraboa aos afeccionados/as), puxeron na canle 24h de RNE o debate entre os candidatos á presidencia da República Francesa, Nicolás Sarkozy e François Hollande, e como dixo un invitado na tertulia posterior ao debate, o grande perdedor foi España e José Luís Rodríguez Zapatero.

Digo isto porque, se como semella, o domingo que ven, día 6 de maio, os franceses/as elixen a Hollande como o seu presidente para os vindeiros 5 anos (creo), pode ser que as políticas de recortes e axustes impulsadas ata o de agora polo tándem Merkel-Sarkozy dean un xiro cara á implementación de medidas de estímulo do gasto para tentar saír desta put**** crise que nos afoga.

Unha paradoxa que se producirá (se sae elixido Hollande) será que un goberno de esquerdas en Francia vai a axudar (e moito) ao goberno de dereitas de España (e de case toda Europa). E creo que Rajoy, na intimidade (lembrando esa expresión Aznariana) está a rezar por iso...

O título da entrada de hoxe ten senso pensando no debate soporífero e pesadísimo que houbo entre os candidatos Rajoy-Rubalcaba. Encorsetado, sen posibilidade de réplicas nin contraréplicas, con temas cerrados e totalmente limitados, ese "debate" (non debería chamarse así...) foi dos peores que se viron. O debate de onte, entre Zarkozy-Hollande, ainda tendo un monte de condicións previsas xa pactadas (tamén a temperatura do estudo...) foi un debate en sí mesmo. Os candidatos pasaban dun tema a outro, se replicaban, discutían incluso -inaudíto nun debate!... jejej- e os moderadores (dous moderadores neste caso) tiveron algo máis de choio que o excelso Manuel Campo Vidal (ao que lle teño moita simpatía, pero que no debate español estivo a punto de morrer de aburrimento).

Despois dese debate en Francia, vexo o moito que nos queda por aquí para chegar a normalizar a política (e que quede claro que en todos lados cocen fabas...)
http://www.abc.es/agencias/noticia.asp?noticia=1158783