Esbardalladas.blogspot.com non se responsabiliza das opinións verquidas polos autores das entradas nin dos comentarios que poidan xurdir das mesmas


17/4/13

I entrenamento RAID CUMIOS DO MAUXO (13/04/2013)

O noso clube organizou o pasado sábado día 13 de abril de 2013 o I entrenamento RAID CUMIOS DO MAUXO, unha proba de raid pero fóra do calendario oficial da Liga Galega de Raids de aventura.

Como quedaba moi preto de casa, alá nos fomos Iván e eu, para facer un "élite". Isto é, facer o raid enteiro (se iamos atopando as balizas, claro) sen descanso.

A proba constou de 4 seccións repartidas do seguinte xeito:

Sección 1: trekking de ORI de 4 km.
Sección 2: Btt de 20 km cun pequeno trekking no medio (1,5 km)
Sección 3: trekking de 8 km.
Sección 4: Btt de 23 km.

Comezamos ás 10:30 h, pola carreira rápida en formato scoring (isto significa que se poden coller as balizas na orde que se estime oportuno). foi a única sección na que se podía facer isto. No resto de seccións había que ir atopando as balizas por orde de numeración.

Esta primeira sección a rematamos moi rápido e pasamos á bici con boas sensacións e tamén con 15 minutos de adianto sobre a hora de peche da primeira sección. Esta limitación nas horas de chegada e saída das seccións foi unha cuestión que a organización fixo para evitar un retraso na hora de peche da proba e que non se alongara excesivamente.

Na sección de bici nos foi bastante ben, pero creo que nos equivocamos cando no trekking de 1,5 km que tiñas que facer na metade da sección (deixar as bicis, poñer as zapatillas de correr e picar 4 balizas, para coller de novo a bici e seguir coa sección) en vez de facer as 4 balizas en estrela, as fixemos en circular, polo que non puntuamos unha baliza extra. Creo que non nos houbese retrasado significativamente e teríamos 1 puntiño máis, que ao final, é o que conta.

Para poder chegar a tempo de sair para a seguinte sección, deixamos 1 baliza sen picar na sección 2 (xa que ás 13:30 se pechaba a saída para o trekking da sección 3).

Na seccion de trekking eu xa empecei a notar o cansanzo e iso, no meu caso, tamén me afecta (e moito) á orientación. Perdemos bastante tempo en atopar unha baliza, e iso nos retrasou nesta sección de xeito que para cando rematamos, só nos quedaba 1 hora para facer a última sección, polo que decidimos tentar picar alomenos 1 baliza.

Tanto Iván como eu iamos vendidos de forzas, e tamén de tempo, polo que, ainda que nos sobraron como 25 minutos da hora de peche (as 16.30h.), non nos atrevimos a tentar picar a baliza 2 da última sección, por se quedabamos fóra de tempo.

Ao final, o mellor foron os bocatas por parte da organización, o bo ambiente que se percibe entre os raiders, e que FIXO BO TEMPO!!  despois de case 40 días de chuvia por estes lares...

En 2 semanas espero poder contar cómo nos foi na 1ª proba oficial da liga galega 2013, que terá lugar en FERROLTERRA, a finais de mes.