Esbardalladas.blogspot.com non se responsabiliza das opinións verquidas polos autores das entradas nin dos comentarios que poidan xurdir das mesmas


27/5/12

The Hunger Games, o film

A verdade é que prometía bastante pola estética, polas imaxes que aparecían no trailer e pola historia en si mesma, pero dúas cousas me desaconsellaban botarlle unha ollada á película "Los Juegos del Hambre". Unha delas, o post que Zeke deixou en Banda Deseñada e outra a falta de tempo libre. Pero teño ben claro que para poder falar de algo, polo menos terás que telo visto, lido ou escoitado, tocado... en fin. Que non se pode falar de algo por referencias, críticas e/ou reseñas de colegas/amigos, etc.

Tamén recoñezo que isto último é unha teima miña. Sei de xente, incluso especialistas no seu campo de coñecemento, que son quen de facer unha crítica ou comentario sobre, poñamos, un libro, sen lelo. En fin, que cada pau aguante a súa vela. No meu caso particular, e non me dedico a iso precisamente, prefiro ter opinión sobre as cousas de primeira man, se se pode. E aquí vai a miña sobre a película:

A verdade é que podedes prescindir perfectamente de vela (e menos no cine) sen que as vosas vidas se resintan en demasía. É previsible, falta de ritmo e ainda que a historia ten momentos grandes (supoño que como os libros, que nalgún momento leerei...), a súa imaxe na pantalla ten bastante dunha mistura entre un "grande irmán" gore e un "perdidos" descafeinado. O digo así pola estética coa que se leva a cabo a presentación dos "tributos" de cada un dos 12 distritos que deben, ano tras ano despois da revolta, enviar ao capitolio (a capital do reino) para participar nuns "xogos"? chamados "del hambre" nos que ao final se designa como vencedor/a a un único "tributo".

Polo que puiden saber, a autora, Suzanne Collins é unha vella coñecida da literatura infantil e xuvenil (LIJ) pero creo que ás veces a xente confunde o de "Xuvenil" con presentar historias moi romanticas e de grandes paixóns (nen sequera é o caso que nos ocupa) pero cun desenvolvemento precario das personaxes, das súas luces e tamén das súas sombras (que son moitas veces máis interesantes que as luces). Creo que moitas veces se prima máis á historia en si mesma (que pasen cousas, boas ou malas, pero que pasen) que cómo esa historia, ainda pasando menos cousas, cambia aos protagonistas no seu interior. Pero para iso debemos saber cómo son esas personaxes antes, durante e despois da historia.

En fin, para non perderme, creo que o deixo aquí... Xa sabedes, por mín que non sexa esta peli a que vos faga perder o tempo...

No hay comentarios:

Publicar un comentario