O raid, así a priori, non tiña aparente dificultade. 3 seccións, a primeira de 18 km a pé recollendo as balizas en orde libre, a continuación 35 km en BTT (cun desnivel de 1400 m, iso si...) e para rematar unha sección de ORI-PE con unha sección pequena dentro da propia sección, de ORI específica (cambio de mapa e de escala).
Ben, xa digo, non había kaiak nin probas especiais, e parecía un raid preparado para equipos moi físicos. Ademáis, polo horario que se manexaba desde a organización, en vez de darnos as 10 horas que normalmente conceden para finalizalo, neste caso, o raid remataba ás 19.00 h, polo que tiñamos 1 hora menos.
O asunto é que se fixo realidade unha frase acuñada por roberto; "non hai raid fácil, hai que facelo" e así foi.
Saímos á primeira sección Carlos e eu, un trekking para recoller 24 balizas en orde libre. Nos levou bastante facelo, e a complicación foi a orientación en dúas balizas, que nos despistamos e andivemos case media hora detrás de cada unha. Ao final, todo picado en 3 horas e media.
Despois, Carlos descansou para poder facer a 3ª sección, e saín con Roberto en bici. Por diante, 35 km con un desnivel importante, subindo ao monte Xalo. "Só" había que picar 13 balizas, pero despois de case 4 horas, volvimos a meta con 5 picadas. Qué pasou? Ben, para empezar, dicir que eu non son ningún portento, nin correndo nin en bici. Pero case son peor en bici. E tivemos que facer varios porteos que me deixaron sen folgos. Entre o meu ritmo de pedaleo e, todo hai que dicilo, un mapa DESACTUALIZADO, con pistas que aparecían na realidade, pero no mapa non estaban, a orientación se fixo extremadamente dura, polo que optamos por ir voltando a meta sen facer todas as balizas. E ainda nos levou un pedazo voltar, pero preferimos facelo así para poder aproveitar un pouco a última sección e tentar endereitar o raid.
Despois da sección BTT, sairon Carlos e Roberto correndo para tentar pillar 9 balizas na última sección, das cales colleron 6. Chegaron a meta con 7 minutos de marxe antes do peche. Creo que xa me vou acostumando a ese estrés que produce ver cómo van chegando todos os equipos, vai quedando menos tempo, chegan máis equipos, vai quedando menos tempo, vai quedando menos, e ao final, chegan...
Ben, o tema foi que entraron en tempo e ao final, na clasificación quedamos 16º de 23 equipos de aventura.
Impresión persoal? Non hai raid fácil, hai que facelo... Gran frase que describe o que nos pasou.
Unha pequena crítica, espero que constructiva, que fago desde aquí á organización do RAID. Creo que hai pequenos detalles que melloran moito o aspecto tanto visual como de comodidade dunha carreira destas características: por exemplo, ter unha zona de boxes máis ou menos delimitada, ter espazo suficiente para poñer os coches preto dos cambios de sección, ter os mapas actualizados (isto é capital se queres que a xente, cando remate unha sección non se che bote á gorxa...), unhas DUCHAS ao rematar o raid..
En fin, podería ter ido peor, pero ao final, me quedo, como sempre, coa alegría de ter rematado outro raid, e sobre todo da xente, dos do equipo por suposto, pero tamén do resto de competidores. Pasamos moitas horas polo monte adiante, e a verdade é que anima moito que cando alguén pasa por diante túa, salude, anime, pregunte se necesitas algo ou te invite a unha barriña enerxética mentres picas unha baliza.
Agora o seguinte raid será o de PontevedRAID en setembro, no que estaremos na organización e despois o RAid de Arzúa, a finais de setembro. Seguiremos informando.
Os Foghetes despois do RAID de Orro |